martes, 20 de marzo de 2012

Entrevista a Keltoi!

 Biografía de Keltoi!:

Keltoi! (Celtas en grego) formárono en Vigo a finais de1995 catro mozos galegos seguidores do Street-rock and roll, tamén chamado oi!. Da unión distes dous conceptos (musica da rúa e cultura galega) xurdiu o nome dun grupo pioneiro en tocar en Galiza e no noso idioma un estilo de punk que abandeiraran uns anos antes bandas inglesas coma Cockney Rejects, Sham 69, Red Alert, The business ou os irlandeses Stiff Little Fingers.
Malia que anteriormente no mesmo Vigo xa houbo quen se veu puntualmente influenciado por iste estilo oi! - coma Desvirgheitors nos oitenta ou Skacha e Disturbio´77 nises mesmos anos noventa - , foi cicais Keltoi! O grupo galego que máis claramente apostou por iste estilo de punk-rock daquela tan orfo de bandas e seguidores no noso país.
A primeira formación sería a composta por Pablo (voz), Dani (baixo), Kino (guitarra) e Sime (batería), e con ella Keltoi! foi dando os seus primeiros pasos nun ensaios bastante caóticos i etílicos onde xurdían temas propios e as típicas versións de consagrados grupos estatais coma Decibelios. Cando as cousas semellaban comezar a funcionar, Pablo ten que deixa-la banda ao marchar a vivir fóra de Galiza. Tras semáns de probas i experimetos entran dous novos compoñentes en Keltoi!, istes non serían outros que o donostiarra Joselu e o Italiano Mikele ás guitarras. A formación completába-se con Kino, (dista volta á bataca), Dani (baixo) e Sime (voz).
Con ista formación xa consolidada Keltoi! Perpetra o seu primeiro concerto no mítico pub Rass do casco vello vigués, un día das letras galegas de 1996 xunto aos Diplomáticos de Montealto. Un ano máis tarde, un dos seus temas (Galeg@s) aparece no recopilatorio de apoio aos/ás pres@s independentistas galeg@s Oito anos secuestrad@s (SONS DE LUITA), e uns meses máis tarde, o que ía se-la súa primeira maqueta ve por fin a lus en formato cd baixo o título Casco Vello (BRONCO BULLFROG RECORDS).


Malia baixa calidade de son, iste primeiro disco de Keltoi! Ten moi boa aceptación e a banda comeza a ser coñecida por Galiza e fóra da nosa terra, colleitando boas críticas en fanzines e revistas de rock coma o suplemento musical do Egin Bat, bi ,hiru ou mesmo a coñecida Maximum Rock and Roll nos USA.
Paseniñamente a banda vai-se asentando i é reclamada para tocar tanto no país coma fóra del en concertos coma o Iº oi!, Ska & Reggae Meeting (Xixón  Asturies). Cando a banda está máis activa e actúa moi a cotío compartindo escanrio con xente coma Malarians, Los Milicianos, Skarface, Xenreira, Skacha ou oi! The Arrase (istas últimas, bandas coas que Keltoi! ten especial amizade) é cando Sime ten que marchar traballar a Dublín e Keltoi! Sufre un novo parón.
Mediado o ano 2000 o Sime regresa a Galiza e o grupo retoma o traballo volvendo a tocar e grabando catro temas prao recopilatorio de bandas galegas Estado de Sitio. Os seguintes anos son cicais os de maior continuidade do grupo e o número de concertos e seguidores medra, sobre todo entre os amantes da cultura punk e skinhead en Galiza e noutras nacións do estado. Keltoi! Sae entón a tocar varias veces por Castela e Euskal Herria (xunto a Skacha), e comparte noites de concerto e esmorga con bandas tan admiradas por eles coma Dropkick Murphys, Thug Murder, Frontkick ou The Real Mckenzies.
Mais non todo dura eternamente. O feito de tocar Mikele tamén con Soak (sustituído brillantemente por Gontxu) e Kino con Skacha, os diferentes curres e as responsabilidades (ou irresponsabilidades) restaron tempo e adicación aos membros da banda e Keltoi!, aos poucos, vai esmorecendo. En xaneiro do 2005, cun entrañábel concerto de despedida xunto aos manresanos Malas Cartas e aos berlineses FrontKick , Keltoi! Colga as botas
Durante istes dez anos na rúa, Keltoi! Nunca se escondeu ao definirse coma unha banda oi! Antifeixista e antirracista , e tampouco negou o seu vencello oa seu equipo de fútbol (Celta de Vigo). Nos seus concertos eran frecuentemente seguidos polo sector máis nacionalista, festeiro e borrachuzo da mocidade celtista.
Alén do amor por isas cores, os Keltoi! Nas súas letras sempre tentaron reflecti-las rebeldías e inquedanzas da mocidade galega da súa xeración, alén de tocar outros temas coma a loita da clase obreira, a represión policial, as esmorgas, a cultura skinhead, a súa terra e o seur mar...
Malia estar oficialmente mortos, os Keltoi! Non están de todo soterrados e dende 2006 o grupo está a compilar a grabar temas que nunca foron editados, co gallo de poñer digna despedida a 10 anos de esmorgas, ensaios, concertos, paróns, bos e malos momentos, e sobre todo a 10 anos de oi! Feito en Galiza.
A boa experiencia dista nova grabación cicais consiga que a chama prenda de novo e a despedida de 2005 non sexa máis que un deicalogo!!!

Entrevista con Keltoi!

-Antes de nada agradecervos a colaboración e participación en DCEV... Para que as nosas lectoras/os poidan coñecervos mellor como grupo e descubrir algo máis da vosa música, comecemos coas preguntas... Moitos cambios ao longo da vosa historia. Podedes presentarnos a formación actual?
Pois despois de 4 trocos ao longo da nosa andaina, a formación actual dende 2012 somos: Dani (Baixo e coros), Gontxu (Guitarra e coros), Xurxo (Guitarra), Manu (Batería), Sime (Voz).
Tralo paso por Keltoi! de Kino, Mikele, Joselu e Adrián, ogallá por fin consigamos manter esta formación por moito tempo. A historia dos Keltoi! esta chea de paróns e trocos de formación froito de aventuras laborais e diferentes lugares de residencia dos seus membros.

-En palabras de Keltoi!... A nivel musical. Como definiriades o voso estilo?
Buff, é difícil defini-lo estilo sen caer nas recurridas etiquetas…ao noso hai quen lle chama oi!, outros street rock and roll, outros punk rock…Cicais este último termo é co que nos sentimos mais identificados. Seguramente o primeiro disco soaba mais Oi! e predominaban mais as letras vencelladas á cultura skinhead e o segundo tira mais a Punk Rock con letras un pouco mais curradas…, pero entre estas dúas referencias movémonos ben i estamos ben agustiño.


-Cal é a inspiración e a mensaxe de Keltoi!?
Somos unha banda claramente antifascista, iso témolo moi claro. Con isto nós non pretendemos comerlle a cabeza á xente e menos tal e como están as cousas hoxe en día, non deixamos de ser unha banda de punk rock e o que mais nos gustaría é que a xente pensase por si mesma. Aínda así so con botar a unha ollada ao seu redor terán motivos mais que suficientes para se rebelar contra moitas cousas sen necesidade de mensaxes mesiánicas. Se ademais de pasalo ben coa nosa música, conseguimos que a xente tamén reflexione sobre algunha das nosas letras o se sinta identificado con ela xa nos chega. A inspiración en canto a letras está vencellada á realidade na que vivimos, en canto á música pois principalmente mamamos do street punk e oi! inglés de finais dos 70 e primeiros 80, tamén do bo punk rock que se fixo no estado español nos 80-90, da música galega mais concienciada de tódalas épocas, dende Fuxan Os Ventos a Skacha.

-Comecemos polo pasado… Como era o Vigo no que se formou Keltoi! e como é o Vigo no que segue loitando Keltoi! por saír adiante?
Todos somos rapaces de barrio e cando montamos Keltoi! Vigo vivía o mesmo caos e moitos dos problemas que estanse a vivir nos últimos anos. Había movidas no naval pola privatización do asteleiro Barreras, os responsábeis do Concello miraban mais polo seus partido que pola cidade e o Celta comezaba unha época histórica, ao igual que agora, je,je…

-Formástesvos no 95, que vos impulsou a formar o grupo, e cales eran os vosos referentes musicais?
A razón é moi sinxela, gustábanos un tipo de música que por aquelas apenas tiña referencias en Galiza. Todos admirábamos a bandas coma Cock Sparrer, The Blitz, Stiff Litle Fingers, The Business ou Sham 69  e so algunhas bandas locais coma o xa daquela desaparecidos Desvirgheitors ou os compañeiros de Skacha facían algo semellante. Entón pois con mais pena que gloria comezamos a ensaiar (daquela so Kino tiña uns mínimos coñecementos musicais), facer versións de Cockney Rejects, Decibelios etc…e xa co tempo os primeiros temas que logo acabaron formando parte do Casco Vello. En troques, se che gusta a música oi! e non hai ninguén na túa cidade que a faga…por que non tentar facela ti mesmo?


-Falar de Keltoi! é falar de unha carreira de 17 anos... Notades o peso de ser un referente musical en Galiza no voso xénero?.
Non, non notamos ningún peso porque non nos consideramos referencia de nada. En todo o caso podemos valer de mal exemplo, je,je..Non en serio, nós sempre tivemos un vencello moi grande co grupo de xente co que nos movemos a cotiá e iso vencello foise estendendo a moitos dos seguidores de Keltoi! e mesmo a moitas das bandas coas que actuamos e coas que temos unha boa amizade. Iso tradúcese en que a maioría dos directos o ambiente é de moita complicidade e camaradería coa xente e as demais bandas. Ademais os nosos 17 anos de existencia estiveron cheos de paróns mesmo de ata 5 anos, i en canto aos concertos non levamos nen 50 polo que estamos aínda moi lonxe doutras bandas galegas de punk rock que teñen bastante mais táboas e quilómetros enriba ca nós.

-Poderiades resumirnos con poucas palabras cada un dos vosos discos?
"Casco Vello":
Frescura, mocidade, mal son, poucos medios, raiba, oi!, grandes lembranzas, camaradería.
"A Nosa Cinza":
Serea, Celta, mais medios, mellores letras, paróns e frustración, Xavier Abreu, satisfacción, novo chanzo.

-Que queda do Keltoi! de "Casco Vello" no Keltoi! de "A Nosa Cinza"?
Pois na gravación participamos catro dos membros orixinais da banda e por aí queda o 80% da banda…O estilo das letras tamén é semellante ao Casco Vello aínda que coma no caso da música con máis influencia de punk rock que de oi! clásico. O espíritu en si é o mesmo, so hai que añadirlle cicais as evolucións propias dos medios técnicos actuais, o que se reflicte nun mellor son e unha produción i estética mais curradas. Ademais ao ser autoproducido poidemos estar mais enriba de detalles varios. Estamos moi orgullosos dos dous e de feito nos nosos directos tocamos un bo feixe de pezas de ámbolos dous traballos.

-O primeiro concerto que destes foi no 1996 coincidindo co día das Letras Galegas, no antigo Rass... Que lembranza gardades del?
Hai moi boas lembranzas, mais que nada por que o antigo Rass era a nosa segunda casa e o mellor escenario posíbel para emprede-la nosa incerta andaina. A xente respostou e nós fixemos o que poidemos…Lembramos tamén que o noso primeiro cantante Pablo (que daquela vivía en Venezuela) estaba por Galiza eses días e subiu a perpetrar un tema canda nós.

-No 1998 sacáchedes  á rúa o voso primeiro traballo “Casco Vello”. Como foi a acollida que tivo naquel momento?
Pois moito mellor do que agardabamos, sobre todo fóra do país. O ser “Casco Vello” un disco editado por un selo de Ibiza pero con proxección internacional (Bronco Bullfrog Records), chegou a sitios tan exóticos coma Malasia ou Tailandia. Naquela época (sen emails) non deixamos de recibir cartas de xente da Alemaña, Italia, Franza e mesmo moi boas críticas de revistas coma Maximum Rock and Roll dos USA. Nós estabamos coma agora os bancos…non dabamos crédito!!
 
-A finais dos 90, Vigo foi referente en Galiza da cultura punk con multitude de concertos ( moitos deles na mítica Anoeta ) e locais como El Morao ou o antigo Rass... Que recordos tendes deses anos?
Buff!!, para nós foron os mellores anos. Moita peña involucrada na escena, fanzines, bandas, concertos, varios bares con boa música (Krisis, Rass, Morao, Zacarías…). E o mais importante, moita unidade entre tódala peña. Ise foi o quid da cuestión, e por iso no disco “A Nosa Cinza” tocamos a versión “La Unidad” do grade grupo punk vigués Desvirgheitors.

-Sobre o ano 2000 ou 2001 fixechedes unha colaboración no recopilatorio “Estado de sitio” gravando cinco temas  con grupos como Soak, Skacha, Disturbio 77... Que nos podedes contar dese proxecto?.
Pois cicais co tempo valorámolo moito mais que no seu momento. Xuntar nun recopilatorio a tantas bandas locais e do sur do país foi algo realmente bonito e axudou a promocionar a moitas das bandas e mesmo a coñecernos mais entre nós.
É un exemplo das gañas que había por facer cousas e do sentimento de pertenza a algo que había entre toda a xente involucrada na escena punk e oi!.

-En 2005 fixechedes o voso concerto de despedida. Cales foron os motivos para deixalo nese momento, e por que decidichedes volver?.
Pois o motivo principal foi o cansazo e o abandono do grupo por diferentes motivos dos nosos dous guitarras orixinais (Mikele e Joselu). As razóns da volta?
Cando o deixamos no 2005 tiñamos 6 temas feitos pero sen gravar nen editar, e sabiamos que algún día había que facer algo con eles. Pezas coma Bos e Xenerosos, Xan, 1923…que non queriamos que morreran nun caixón. Así que paseniñamente fomos reclutando algún amigo pra completa-la formación e ir gravando eses temas coa idea algún día poñer un digno fin á nosa carreira de despropósitos. Logo a eses 6 temas se lles sumou algún mais e acabamos por gravar un disco completo. Saiu no 2010 e houbo que presentalo e ademais xurdiu a chamada do Octoberfest para tocar na edición dise ano en Durango…e…..unha cousa leva a outra e sen saber moi ben porque vímonos metidos nun embolado quinindiola. 


-No ano 2010 Keltoi! volve no “Oktoberfest” de Durango e tamén nun concerto con cheo absoluto na Sala El Infierno de Vigo... Como foi a volta? Que tal a sensación de estar outra vez co público?
A volta de Keltoi! no Oktoberfest foi todo un reto pra nós. Estabamos bastante nerviosos pois despois de 5 anos sen subirnos a un escenario ter que facelo nun sitio tan grande coma a feira de mostras de Durango e compartindo velada con xente coma Cock Sparrer, SLF ou os xaponeses Cobra pois imaxinádevos…Por sorte saimos canto menos airosos e iso deunos moitos ánimos pra seguer adiante coa banda.
Logo a volta na casa foi unha pasada. A sala Infierno estaba petada coma dicides e a resposta da xente en canto a actitude e participación foi xenial. O mellor de todo iso é que temos o son e as imaxes gravadas cun calidade bastante decente e ogallá o que soou aquela fría noite de decembro de 2010 en Vigo algún día vexa a luz e o poidamos compartir con tódolos que asistiron e os que tiveron que quedar fóra.

-Keltoi! mestura a música da rúa coa cultura galega. Keltoi! sempre amosou  amor por unha terra (Galiza) e a súa fala.  Que significa ser galegos para  Keltoi!?
Ser galegos non e outra cousa que o noso xeito de ser parte deste mundo. É sermos parte dunha nación tantas veces ignorada e desprezada, non so dende España se non tamén desde dentro por tantos “gallegos e gallegas” aspirantes a españolitos da capital. Nós temos clarísimo que como galegos e galegas non somos mais que ninguén, pero tampouco menos e somos moi conscientes de que por desgraza temos o que nos merecemos. Agora nas nosas mans está traballar para dignificar o noso pobo a nosa lingua e a nosa cultura. Por iso escribimos temas coma “Unha Terra, Un Pobo e unha Fala” para denunciar que dende a propia xunta de Galiza están desmantelando os piares da nación galega, a lingua é un claro exemplo.
A actitude kamikaze da maior parte do noso pobo non nos da mais que ánimos para seguer a cantar e berrar ben alto que con nós non conten. Os que queren que Galiza esmoreza vannos ter enfronte e a música tamén pode ser usada coma ferramenta para denuncialos a atacalos. Ademais a historia da nosa vella nación está chea de exemplos (moitos deles anónimos) de mulleres e homes que foron, son e segurán a ser BOS E XENEROSOS e a nós gústanos tamén subliñalo nas nosas letras.

-Un grupo como Keltoi! tivo por forza que formarse en Vigo, cidade industrial e traballadora, e vos rendídeslle unha homenaxe á cidade co tema “Vigo” en “A Nosa Cinza”, onde dicides: Vigo é asfalto, chuvia e ferro, guindastres, paro e cheiro a mar” Que máis e Vigo para vós?
Pois Vigo é onde vivimos e bebemos, onde odiamos e amamos, onde traballamos e sufrímo-las miseria do paro. En troques Vigo é un bo exemplo dos tempos nos que vivimos… moitos contrastes pero tamén moita forza e rebeldía na súa clase traballadora. O que é certo é que non vexo a Keltoi! saíndo dun sitio que non sexa Vigo.

-Keltoi! tampouco negou o seu vencello ao seu equipo de fútbol o Celta de Vigo. Unha pregunta imposible... Vigo sen o Celta ou o Celta sen Vigo? Ascenderemos?
O vencello é claro dende o mero feito de sermos na banda tres socios do Celta (o tres da bancada de marcador), penso que entre os tres levamos perto de 40 anos de socios.
A de Vigo e o Celta é unha identificación clara malia que as veces seica parte da cidade lle da as costas ao equipo e prefiere o Barça, o Madrid ou o centro comercial…Por sorte estamos os 10.000 fieis que nunca deixaremos que o noso equipo camiñe so.
E seguindo coa da identificación, nós estamos porque o Celta siga a se-lo equipo non so de Vigo se non do País, isa é a súa seña de identidade e ise é o fin que buscaban os seus fundadores alá por 1923. Que o Celta fose o equipo de Galiza e abofé que o é.
Seguro que ascenderemos, pero sufrir, sufriremos dabondo, a nós nunca nos regalaron nada.


-Keltoi! demostra que o galego non é unha traba á hora de levar o seu son a distintos públicos non galegofalantes... A que credes que se debe, a música, a mensaxe ou a ambas cousas?
Non, Keltoi! non é mais que un dos moitos grupos que espallaron i espallan a súa música en galego fóra do país. Xa antes ca nós houbo moitos.
No noso caso, ao pertencer a unha escena bastante reducida (streetpunk / oi!) pois é doado que a xente da túa escena pero doutras latitudes se interese por ti aínda que nun principio non teña nen idea de onde está Galiza. Xa había un recopilatorio que se chamaba “oi! It´s a world league”. De tódolos xeitos no Casco Vello que foi o disco que nos deu a coñecer fóra e se mal non recordo as letras veñen traducidas ao Euskara, Inglés, Castelán e Italiano. En A Nosa Cinza e por lacazáns (agora se lle chama falta de espacio no libreto, je,je) so veñen en galego e inglés.

-En principio tendes plantexadas novas datas (estes datos actualiceinos eu): 24 Marzo (Vigo GZ + Falperrys) // 13 Abril (Melide GZ + Skarmento + Nobody´s Fool) // 21 de Abril (Compostela GZ + The Boys) // 04 de Maio (Pontedeume GZ + Tiro na Testa + Samesugas) // 09 de Xuño (Madrid + Guitar Gangsters + Grupo por confirmar) // 13 de Outubro (Compostela GZ + Skarmento + Perkele). Que se vai atopar o público nesas actuacións? Como describiríades un directo de Keltoi!?
Pois no que nos centramos mais agora é en tentar soar ben e pasalo en grande no escenario, ao mellor os concertos xa non son tan etílicos ou caóticos coma nos 90 pero gañan en calidade…ou iso tentamos.
En canto ao repertorio estamos recuperando temas do Casco Vello e actualmente mesturamos en directo este disco e A Nosa Cinza ao 50%. Tamén somos moi amigos de versionear bandas que nos prestan (as últimas versións que sacamos son de Tom Robison Band e dos Zakarrak), pero temos tamén gañas de comezar a compoñer e xa temos tres ou catro ideas que irán aparecendo nos directos co paso dos meses. 


-Estaredes con ganas de actuar en Vigo diante da vosa xente (KELTOI! & FALPERRYS, Torreiro da Festa, 24 Marzo)...
A resposta é SI. Tocamos no bar Cancillas de Coia hai un mes, pero foi en plan privado e sen anunciar, unha arroutada que nos deu. Así que prao desta semán hai moitas moitas gañas. Tamén tivemos sempre gañas de tocar cos Falperrys, ademais duns borrachos e impresentables son moi boa xente e con eles compartimos bataca..e pintas de Guinness.

-Falando do directo... Na vosa carreira cal foi o voso mellor concerto e por que?
O mellor foi cicais o que comentabamos mais arriba da presentación de A Nosa Cinza en Vigo en Decembro de 2010. Ise día soamos medianamente ben a a “comunión co público” (que hortera soa isto) foi xenial. Tampouco estiveron mal algúns concertos antigos coma cos bos amigo de Oi! The Arrase en Vigo ou no Gaztetxe de Bergara hai xa tamén algúns aniños. Dos mais recentes cicais quedámonos co de Cuntis no Festidoiro 2011. A verdade é que malas lembranzas non temos de ningún concerto. Se acaso hai algúns dos que non temos ningunha lembranza…

-Aparte de volver aos escenarios e de sacar o disco “A Nosa Cinza”… Tedes algún outro proxecto para o futuro?.
Non, estar, estamos xa compoñendo algúns temas novos…pero o principal é asenta-la formación actual e ver se estamos a gusto antes de pensar en novos proxectos. Así que imos tenta tocar o máximo posíbel este ano e ao final do mesmo veremos que facer. Se continuar ou baixa-la persiana definitivamente.


-Cremos que hai moi bos grupos en Galiza en todos os sentidos e estilos, pero... Que credes que lle falta á música galega para ser un pouco máis recoñecida?
Ao mellor consolidar unha escena forte e de seu, coma fan en Euskal Herria. Está claro que a escena galega de punk rock independente ou se une e se fai forte para espallarse ou remata no lixo minfundista que tanto gusta neste país. E así nos luce o pelo…
Acaso precisamos de Xacobeos, Xuntas, Cidades da Cultura e Luares para sermos fortes e chegar á xente?. Penso que non, e hai un feixazo de xente traballando en colectivos musicais, portais no internet, centros sociais, fanzines, distribuidoras, grupos,  salas de ensaio etc…que están pulando e difundindo proxectos que suman esforzos para logra-la escena que merece o noso país.
Sen pensar moito vennos á mente nomes coma Komunikando.net, Galiza em Punk, Galiza Música, La Contra, Galiza Contrainfo e un longo etc…

-Como ve un grupo vigués coma vós a actividade musical da cidade (salas, concertos, grupos, locais, actividades vinculadas coa música... etc)?
Pois salas de ensaio e onde tocar hai bastantes. Ao mellor fai falla unha boa sala de concertos cunha capacidade semellante á Capitol de Santiago (600) xa que hai as veces que sitios coma a Iguana, Infierno ou sala Mondo quedan pequenos. Pero por outra banda, o haber a nivel xeral moitas mais bandas que antes pois as veces hai saturación de concertos e a cidade non é tan grande coma para que haxa xente en tódolos concertos. Nestes tempos duros Vigo está vivo e iso nótase tamén no eido musical.

-Credes que fai falla renovar o son punk-rock na cidade de Vigo? Faltan herdeiros dignos de Keltoi!?
Para nós, digno herdeiro de Keltoi! é calqueira que faga streetpunk en galego e o faga con honestidade e son moitos e moitas os que o fan hoxe en día. Sería inxusto enumerar tantas bandas, ao mellor case todas de fóra da nosa cidade, pero Keltoi! non é mais que unha banda coma hai bastantes e non nos consideramos referentes coma para ter herdeiros. O que si botamos en falta é a nosa banda irmán Skacha, ogallá volten tocar algún día. Son os mellores.


-Nas letras das vosas cancións sempre tendes presente “o social”, as rebeldías e inquedanzas da mocidade. Que vos parece a situación social actual? Habería que prenderlle lume a todo e comezar de novo?
Pois non é mala opción non…destruir para logo construir. Non somos unha banda de mítins, pero non hai mais que darse unha volta para ver na que estamos metidos. Temos amigos e amigas no paro a manscheas. Os que estamos traballando notamos nas nosas condicións que nos están tentando afogar e amedrentar cada día mais. E si, poderíamos cantarlle as flores e aos paxaros, pero ademais de sermos uns hippies de merda non seriamos Keltoi!, poderiamos tamen deixarnos flequillo e ir de guais pola vida, pero seriamos uns flipados gafapastas e non Keltoi!....ou finalmente poderiamos darnos mais á bebida, deixarnos barba, vestir mal e tocar ben, pero entón seriamos os grandes Falperrys.

-Facedes musica dende a clase obreira para a clase obreira…. Xa que traballo non aí, pensades que é o momento de redefinir o termo e cambiar clase obreira por clase desempregada?
Non, é tempo de xuntarnos e darlle unha boa patada no cu a todos estes políticos de salón, banqueiros e en xeral aos que dende arriba nos queren foder dia si dia tamén. E aos seus cans de presa os primeiros… 

-Pola Rede circula a vosa discografía en descarga directa... Que opinades da aparición da Rede e da revolución que supón na música e como non tamén nas relacións sociais?
A nós parécenos moi ben que alguén que non teña cartos descargue os discos na rede. Aínda así pensamos que se todos estamos por unha escena forte e consolidada, tampouco pasa nada por mercar discos polo menos das bandas locais que traballamos dun xeito autoxestionado. O que non vale é non mercar un disco na túa vida e gastalo todo en cubatas, je,je …
A nivel xeral a rede é unha ferramenta bestial para espalla-la túa música e estar mais en contacto coa xente, anunciar concertos, coñecer outras bandas etc…En canto ás relacións sociais, a verdade é que non é moi coherente que che guste o punk rock e a cultura musical independente, o son dos barrios, e das rúas e logo esteas todo o día detrás dun teclado soltando babosadas ou metendo merda nos foros e redes sociais. Deses tamén hai algúns e algunhas. Para nós todos estes últimos son uns amargados sen vida propia.


-Supoñemos que sabedes da existencia de unha web non oficial do grupo... Que opinión tedes sobre este tema?
Parécenos perfecto, unha vez que fas público un traballo sexa un disco, un libro ou unha fotografía estás exposto a iste tipo de cousas. No caso da nosa web non oficial, está feita por un amiguete da banda que lle botou gañas e horas. Ademais deixa clariño que a web non é a da banda de seu. Así que ben por él, nós agradecidos. Outra cousa sería que se fixesen pasar pola banda e actuaran en contra dela ou buscaran un beneficio propio co traballo dos demais. Non é o caso.

-Ata cando poderemos disfrutar de Keltoi!?
Ata que vós queirades. O único que non queremos é convertirnos nuns gilipollas ou uns fachendosos por facermos algo tan sinxelo coma tocar streetpunk e falar do que pasa ao teu redor. Ogallá non sexa xa demasiado tarde, je,je.

-Para ir rematando... En tanto anos de carreira pasaríavos de todo. Podedes contarnos algunha anécdota?
Pois de case rematar un concerto en Castela (Becilla de Valderaduey) a hostias entre nós, a tocar con oi! The Arrase no antigo bar Morao e acabar afundindo o escenario polo peso do seu cantante (coñecido na escena coma “Bisonte”). De tódolos xeitos quedámonos co que lles fixemos a esta mesma banda amiga voltando de tocar con eles na Guarda…
Era un domingo xa de madrugada e voltabamos cara a Vigo pola estrada antiga de Baiona cando á altura das curvas de San Miguel de Oia non se nos ocurriu outra cousa que finxir un accidente de tráfico, meter o noso coche nunhas verzas da cuneta e deitarnos nós na estrada finxindo estar fiambres. Imaxinádevos a esceniña, todos borrachos simulando estar mortos na estrada e os mallorquíns Oi! The Arrase dando un freazo no medio da noite  e saindo do seu coche con caras de susto. Esa noite foísenos un pouco a “Oia”…

-Por último, moitas gracias por colaborar co neste Blogue, cedémosvos un pequeno espazo en DECV para que poidades despedirvos e para que digades o que queirades...
Grazas a vós pola entrevista e polo interese en Keltoi!. Unha aperta moi grande a tódolos nosos amigos e amigas e por suposto a tódalas, bandas, blogs, fanzines, distris e xente que dun xeito ou doutro apoia a escena punk rock galega. COMA VÓS!!!





No hay comentarios: